Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Xaneiro 2026.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade nos coidados desde a corresponsabilidade: mes de xaneiro

    Primeira entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia

    26/01/2026.
    Mes de xaneiro.

    Mes de xaneiro.

    Nos últimos anos, os datos sociolaborais indican que a situación das mulleres evoluciona favorablemente. Pero existe unha serie de elementos relacionados coas estruturas sociais e o mantemento do statu quo que frean con forza esta evolución e impiden chegar a unha situación de completa equidade. Nin as políticas públicas nin a loita feminista das mulleres pola igualdade reflicten todo o imaxinario colectivo da nosa sociedade, pois os nesgos inconscientes, os estereotipos e os roles de xénero máis arraigados inflúen fortemente nas relacións humanas, promovendo a persistencia dun sistema sociocultural asentado no patriarcado e no poder e suposta superioridade dos homes sobre as mulleres (o androcentrismo que promove a subsistencia do machismo).

    Esa estrutura social, ademais, perpetúa a división sexual do traballo. Neste senso, as estatísticas aínda son impactantes: malia o esforzo lexislativo en materia de conciliación corresponsable (promovido e favorecido por CCOO na súa busca dun mercado laboral máis equitativo), as porcentaxes de mulleres fóra do mercado laboral por razóns de coidados familiares e do fogar (tanto de menores como de ascendentes e persoas con dependencia) son altísimas. Segundo datos da Seguridade Social, en Galicia, entre xaneiro e xuño do 2024, as excedencias por coidados estaban feminizadas en arredor dun 85 %. Ademais, case todas as reducións de xornada están tamén feminizadas e, en materia de permisos non retribuídos, son as mulleres as que máis os solicitan. En definitiva, os coidados continúan a recaer sobre as mulleres.

    Seguindo o Informe do Instituto de Mulleres sobre conciliación e corresponsabilidade, as mulleres seguen asumindo unha carga desproporcionada destas responsabilidades, co resultado da negativa afectación sobre a súa participación no mercado laboral e, ao tempo, as discriminacións retributivas. En definitiva, estes datos corroboran que a desigualdade se perpetúa, principalmente, por falta de corresponsabilidade nos coidados e tarefas domésticas.

    CCOO non só pretende que reflexionemos sobre a importancia de compartirmos, homes e mulleres, as tarefas do fogar e dos coidados —como xa, de feito, compartimos o traballo remunerado—; a nosa loita tamén se centra en promover un sistema público corresponsable que permita a todas as persoas, en igualdade de condicións, recibir eses coidados e poder traballar a xornada completa, sen renuncias e parcialidades que promoven unha precariedade laboral ao longo da vida e que chega ata as pensións.

    Como recollen os Relatorios do 13º Congreso:

    «Consideramos que a atención á familia non debe ser unha responsabilidade exclusiva das persoas que a compoñen; cremos que o Estado debe implicarse adecuadamente nisto porque, á fin e ao cabo, os nosos fillos e fillas son os traballadores e traballadoras do futuro e o seu coidado e formación é responsabilidade de toda a sociedade. Por outra parte, as persoas maiores foron as artífices das sociedades actuais e, despois de dáreno practicamente todo, merecen atención e coidado na súa vellez ou enfermidade. O camiño á corresponsabilidade pasa pola implicación de todos os axentes sociais e do Estado nas tarefas de atención e coidado; pasa polo establecemento dun «pacto de xénero» que modifique a actual repartición de roles para equilibrar a carga do espazo doméstico e do coidado; doutra forma, nunca conseguiremos a auténtica igualdade».

    CCOO avoga por que eses coidados á vellez e á enfermidade se profesionalicen desde o público, compoñendo un sistema con persoal ben preparado e cualificado para estas tarefas, amais de xustamente remunerado.

    Desde o feminismo sindical, tamén temos que centrar as demandas de conciliación nas clases políticas, para que apoien actuacións públicas que rachen cos estereotipos da división sexual do traballo pois, nun mercado laboral onde as mulleres xa compoñemos case a metade da poboación activa, non se poden seguir perpetuando roles de xénero que son orixe de dobre presenza, carga mental e tantas incomodidades e complicacións á hora de demandar permisos de conciliación nas empresas. A nosa demanda social, hoxe en día, pasa por fomentar unha conciencia social e administrativa que promova a corresponsabilidade real, mellorando exponencialmente os servizos públicos de apoio, que, especialmente en Galicia, e dada a nosa envellecida poboación, son insuficientes e remiten á necesidade de conciliar para coidar.

    O «pacto integral e estatal polos coidados» é a iniciativa de CCOO para, entre outras cousas, fomentar a corresponsabilidade administrativa e, sobre todo, consolidar o cambio dese factor cultural a través da corresponsabilidade masculina que borre do imaxinario colectivo a idea de que as mulleres son as responsables exclusivas dos coidados. Este pacto, composto por máis de cen medidas, tamén describe accións capaces de acadar un servizo público de atención aos coidados que sexa eficaz.

    Así, esta campaña do Gabinete de Igualdade reflexiona sobre o problema que supón perpetuar os sistemas de desigualdades e discriminacións de xénero, co obxectivo de promover as actuacións necesarias para conseguir avanzar cara a uns coidados corresponsables, que promoverán unha sociedade máis xusta, máis equitativa, máis democrática.

    Novas relacionadas

    2025: 12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de xaneiro

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de febreiro

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de marzo

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de abril

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de maio

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de xuño

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de xullo

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de setembro

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de agosto

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de outubro

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de novembro

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de decembro

    Volven os «12 meses de sensibilización en prol da igualdade», desta vez centrados na igualdade nos coidados desde a corresponsabilidade

    12 meses de sensibilización en prol da igualdade nos coidados desde a corresponsabilidade: mes de xaneiro

    Documentación asociada